Friday 03 de May de 2024

O Centro social de Oleiros, seleccionado candidato aos prestixiosos premios FAD de arquitectura


O xurado do certame visitará a infraestrutura o próximo sábado 7 de marzo

O Centro Social de Oleiros acaba de ser seleccionado como candidato aos Premios FAD de Arquitectura na súa 57ª edición: un dos certames máis prestixiosos que existen nesta disciplina na península Ibérica.

Segundo se pode ver na propia páxina web das distincións (arquinfad.org), os Premios FAD (Fomento das Artes e do Diseño) instituíronse en 1958 “co obxectivo de impulsar as correntes de vangarda e recoñecer a calidade nos novos camiños e investigacións abertos entón respecto ás linguaxes tradicionais”. Profesionais da talla de Rafael Moneo (2000) ou Norman Foster (1992) son algúns dos distinguidos con este galardón.

O xurado realizará unha visita o vindeiro sábado 7 de marzo a esta infraestrura, deseñada polo reputado arquitecto compostelá Carlos Seoane.

Drenaxe e pavimentación
Ao fío desta noticia cómpre informar de que a xunta de goberno local na súa sesión de onte deu luz verde a unha actuación dirixida a mellorar o sistema de drenaxe e a estender unha nova superficie a base de pavimento terrizo reforzado na explanada situada fronte ao centro social.

A empresa Alberto Pérez Sampedro será a encargada de levar a cabo esta obra, que ten un importe de 17.671 euros, IVE incluído. Está previsto que comecen o vindeiro luns.

Incluída no proxecto de Riveira Atlántica 2015 e cofinanciada nun 70% con fondos FEDER, a edificación deseñada por Carlos Seoane consta de dous volumes dunha soa planta dispostos en “L”. Cada un deles ten un carácter distinto: un lonxitudinal a modo de fondo de praza onde se sitúan todos os despachos e espazos máis convencionais; e un segundo, situado no borde norte da parcela, concibido como un espazo flexible e divisible mediante tabiques móbiles. Este último volume pódese abrir ao exterior permitindo unha maior versatilidade de usos, incluso para dar cabida a actividades culturais abertas á nova praza de 990 metros cadrados aproveitando a diferenza de cota sobre a mesma. Por outra parte, un xogo de escalinatas-graderío permitirá un uso distinto deste último espazo liberado.